Tuesday 30 de April de 2024

O Concello porá en marcha un dispositivo de limpeza de praias tras detectar a presenza de pellets en dous areais


· Ata o de agora, estes microplásticos atopáronse en Arou e Reira.

· A alcaldesa, Sandra Insua, puxo estes feitos en coñecemento da Xunta de Galicia.

O Concello porá en marcha este luns, 8 de xaneiro, un dispositivo de limpeza de praias. Así o indicou a alcaldesa, Sandra Insua, despois de que se confirmara a presenza de pellets en dous areais do municipio (Arou e Reira).

O Concello está colaborando de xeito estreito coa asociación medioambiental Mar de Fábula, que está realizando un seguimento da problemática en todas as praias. Tras coñecerse a situación dos dous puntos afectados ata o de agora, a rexedora informou da situación á Xunta de Galicia. Con todo, á espera de resposta por parte do organismo autonómico, decidiuse “realizar as tarefas de limpeza á maior brevidade posible”.

Insua sinala que, nos vindeiros días, “continuarase coa inspección todos os areais para comprobar se os microplásticos se seguen estendendo e estaremos tamén pendentes do que nos indiquen desde a Xunta para atallar este problema”.

A primeira edil agradece o traballo que están a facer desde as distintas asociacións medioambientais, en xeral, e, particularmente, desde Mar de Fábula, á que se lle ofrecerá “o apoio loxístico que precise”, explica.